Castellano   English, coming soon

Localización

 

O Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF), situado en Forcarei (Pontevedra) e pertencente á Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, é un centro de investigación, ensino da Astronomía e divulgación científica de moi recente construcción: o telescopio viu a súa primeira luz en marzo de 2009. A localización de Forcarei próxima ó centro de Galicia permite chegar ó observatorio dende calquer punto da comunidade nun tempo relativamente curto viaxando en coche ou autobús.

 

A localización xeográfica do edificio é a seguinte:

 

  •           - Latitude: 46º 36' 41.3" N
  •           - Lonxitude: 08º 22' 09" O
  •           - Altitude: 670 metros.

 

Atópase ubicado sobre un outeiro nun terreo de algo máis de 10.000 metros cadrados a uns tres quilómetros do casco urbán de Forcarei, ó lado da estrada PO-7001 que vai de Forcarei cara A Estrada; dispón de aparcadoiro e camiño de acceso ó edificio.

 

A zona ten moi baixa contaminación lumínica debido á práctica ausencia de industria e núcleos urbáns grandes, xa que está xusto no centro do triángulo formado por Santiago de Compostela ó norte, Pontevedra-Vigo ó suroeste e Ourense ó sudeste; ademáis está protexida da luz de Santiago, A Estrada e Lalín por un sistema montañoso.

 

 

Esta situación permite unha visibilidade de 360º e un ceo escuro, transparente e limpo. As condicións atmosféricas locais de humidade e vento, sin seren malas, compénsanse pola alta tecnoloxía do propio telescopio: a análise das imaxes astronómicas tomadas amosaron que o seeing local, parámetro que mide a calidade do ceo, en moitas ocasións mantense en torno ó 1.3-1.5" durante toda a noite sendo comparable co de outros observatorios de alta montaña.

 

 

Edificio e instrumentación

 

O edificio, formado por dúas plantas, é circular cun diámetro de oito metros. Na planta baixa atópanse os servizos básicos tales como o centro de control do telescopio e ordenadores, un aseo, un dormitorio e un almacén ademáis de outras habitacións de servizo; conta tamén cunha pequena zona para a recepción dos visitantes na cal reciben unha charla con distintas explicacións, entrégaselles material gráfico e se lles mostran imaxes tomadas dende o centro. A planta alta ou cúpula, onde está emprazado o telescopio, tamén é circular e ten cinco metros de diámetro, accédese a el por unha escaleira dende a planta baixa.

 

Para facilitar o acceso ó observatorio das persoas discapacitadas a planta baixa conta cunha rampa de acceso e porta de maior anchura, tanto na entrada coma no aseo.

 

 

Equipamento

 

Baixo a cúpula está instalado actualmente o seguinte material astronómico:

 

  •         - Telescopio: RCOS Carbon Truss de 20 pulgadas, f/8.0, Ion Milled Ritchey-Chrétien
  •         - Montura: Software Bisque Paramount ME
  •         - Cámara: SBIG STL-11000M
  •         - Ordenador de control e servidor.

 

O telescopio é un RCOS (Ritchey Cretien Optical System) de moi alta calidade cun tamaño de 60 cm de diámetro, 1.3 m de lonxitude e un peso de 68 kg. O espello primario, parabólico, ten 51 cm de diámetro e unha lonxitude focal de 4115 mm. E montura sobre a que se apoia o telescopio é unha Bisque Paramount ME de tipo ecuatorial alemá, con error de apuntando menor que 1 minuto de arco e excelente guiado-seguimento automático.

 

O detector do telescopio é unha cámara CCD modelo SBIG STL-11000 cun chip KAI-11002M formado por unha matriz de 4008 x 2672 píxeles cadrados (de 9 micras de lado) que totalizan 11 millóns, os cales traballan cunha electrónica de 16 bits. No interior da cámara atópase unha roda portafiltros de cinco posicións ocupados polos filtros B, V e R Johnson con dous delas libres para traballar en luz integral ou con otros filtros. O gran tamaño do chip (similar ó dun film fotográfico de 24 x 36 mm), unido á focal do telescopio permite, que se capture un campo de visión igual a 30.5' x 20.3' cunha resolución teórica de 0.46”/píxel. O equipo obtén habitualmente un seeing de entre 1.3” y 1.5”.

 

Tódolos compoñentes do sistema están conectados a un ordenador e un servidor que permiten un control remoto tanto do telescopio como da cámara e a roda de filtros, ben dende o propio edificio (planta baixa) como desde o exterior a través de internet.

 

Futuro

 

Está prevista a construcción, a medio prazo, dun segundo edificio máis amplo que conteña unha cúpula para un telescopio de maior diámetro, un planetario, salón de actos, aulas e despachos así como elementos didácticos: reloxo de sol, radiotelescopio, aula de enerxía renovables, etc.

 

 

© Fundación Ceo, Ciencia e Cultura - 2009